Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Brión complementará con fondos propios a campaña “Libros para sermos libres” organizada pola Deputación


Todas as persoas que se acheguen o luns 23 pola biblioteca, Casa da Cultura ou Escola de Música recibirán un dos 200 libros que se repartirán de xeito gratuíto

O Concello de Brión complementará con fondos propios da biblioteca municipal a campaña “Libros para sermos libres”, iniciativa organizada pola Deputación Provincial da Coruña para conmemorar o Día Internacional do Libro. Así, durante o próximo luns 23 de abril repartiranse entre a cidadanía, e de xeito totalmente gratuíto, máis de 200 exemplares.

Os puntos de reparto establecidos ficarán na contorna da Carballeira de Santa Minia e serán: a biblioteca municipal, a Casa da Cultura e a Escola Municipal de Música Magariños. Pola mañá, a actividade desenvolverase de 9:00 a 14:00 horas na biblioteca pública municipal e Casa da Cultura. Pola tarde, de 16:00 a 22:00 horas, os puntos de recollida permanecerán activos na biblioteca e na Escola de Música.

Entre os libros cos que a Deputación da Coruña agasallará á poboación dos seus municipios, atópanse fundamentalmente exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura e banda deseñada. Pola súa banda, a biblioteca municipal achegará títulos de literatura infantil e xuvenil para complementar a oferta. Brión é un dos trinta centros da provincia que participará nesta campaña “Libros para sermos libres”.